O VARAL

EDITADO POLA LNB [ Liga Nacional de Billarda ] >>>>>> ovaral@hotmail.com

quinta-feira, dezembro 30, 2004

CRÓNICO " SUPER-PALÁN DE PRIMAVERA"

SAN XUSTO 16-5-04

TORNEO "SUPER-PALÁN DE PRIMAVERA"

Tarde soleada en San Xusto a do domingo 16 de maio para celebrar o primeiro torneo de billarda da primavera do 2004.
Dende antes das catro da tarde as bancadas da pista amosaban un aspecto só comparable ó da festa antes dunha actuación da París de Noia.
Ista vez non era un espectáculo de luz e son senón a forza e a precisión dos palanadores e palanadoras da LNB os que ían por a emoción ós milleiros de afeccionados que se achegaron á pista central de San Xusto.
Poida que fose o exceso de calor o que fixo que as roldas clasificatorias empezaran amosando resultados sorprendentes, por unha banda , un case descoñecido Fernando dos Fungueiros de Lourenzá ía perdendo carreiras e finalmente quedaba fóra das tandas finais, noutro grupo tamén saltaba a sorpresa e Xermán falto de precisión e quizais achicado pola presión quedaba fóra tamén das tandas polo título, pero o que en ninguna quiniela constaba era a eliminación de Ismael, O Zidane da billarda quedaba eliminado nas primeiras de cambio deixando que a sorpresa se espallara polas bancadas da pista central de San Xusto igual que o lume se espalla na herba seca.
Pero se a sorpresa foi un feito dos máis notables niste palán de primavera non podemos esquecer algo que xa viñamos anunciando, o “poder feminino” confirmouse no ardente cemento de San Xusto, se Piedad e Marifé quedaron ás portas das series finais , Ana e Aurora dos Fungueiros de Lourenzá amosaron as súas armas de muller e chantáronse nas roldas finais sendo Aurora a que quedou chamando ás portas da gloria xa que foi derrotada na semifinal polo Pego da franquicia local de San Xusto.
O outro finalista foi un inspiradísimo David que preparou a conciencia iste Super-palán de primavera, aínda que vestindo a camiseta vermella dos Petapouco de Barreiros , David quería deixarse ver ante os seu público xa que San Xusto é a súa vila natal e donde deu os seus primeiros palados como criança.
Para ser finalista David, enfrontouse nunha disas carreiras que fan afección a un impresionate Pepe da franquicia de Vilamartin – Pequeno, que aínda que sendo un debutante na competición actuou coma un auténtico veterano con toque e precisión de auténtico mestre.
Destacar o bo papel dos xuvenís de ouro, Roi de Lourenzá e Iván dos Caimaneros de Ribadeo demostraron que a idade non é un impedimento para ser uns galácticos da billarda, na franquicia de San Xusto hai que salientar o impresionante empezar do palanador local Pepe pero que non soubo manter a regularidade en todo o campionato.
A final enfrontaría a dous palanadores locais aínda que de defendendo diferentes escadras.
O nerviosismo inicial do Pego fixo que David aproveitara cada golpe para achegarse ó varal e nun apaixoante final de carreira facer valer a súa maior veteranía e levar para a casa o “ Super-palán de primavera”.

6 Comments:

Postar um comentário

<< Home