O VARAL

EDITADO POLA LNB [ Liga Nacional de Billarda ] >>>>>> ovaral@hotmail.com

segunda-feira, setembro 01, 2008

OSCAR E MARIO..... O TREBÓN CERVANTEGO NO ABERTO DOS ANCARES!!

Imperdíbel o histórico crónico de Sak esquivando coma un indomábel pito do monte as balas e trampas dos sempre malditos cazadores furtivos , os Ancares queren vida , queren LNB....Cun bon trebón foron recibidos os valentes palanadores que se achegaron ao Aberto dos Ancares que se desputaba ao abeiro do polideportivo da capital de Cervantes. Un reducido pero entregado grupo de palanadores puido desfrutar dunha primeira sesión de adestramentos onde ían coñecendo as normas, a técnica e o excelente material fornecido polo patrocinador do encontro, a carpintería artesá Ovidio. Xa na previa ao aberto dous palanadores despuntaban, Oscar cunha facilidade técnica nunca vista e Mario, cunha potencia atronadora; mais non eran os únicos que sorprendían aos organizadores, xa que nas terras bravas dos Ancares o deporte da billarda é ben coñecido polo unha ampla maioria da poboación e por tanto moitos e moitas das presentes tiñan unha experiencia moi útil á hora de competir.

Ás sete da tarde comeza o torneo e comeza a paixón dunhas xentes sabedoras de que algo está a cambiar cando a un recuncho sempre maltratado e afastado do país unha delegación da LNB chegaba con ansias de ficar aló. Nas primeiras carreiras xa se deixa sentir a concentración e tamén os nervios habituais ao coller un palán en competición oficial, feito que fixo que a competición estivese moi nivelada ainda coa heteroxeneidade que amosaba o polideportivo de San Román, con palandores e palanadoras de entre 14 e 85 anos algúns novatos e outros expertos noutrora. Segundo pasaban as rondas a peneira ía deixando ver que Oscar e Mario se desputarían a final, como así foi. Unha final que non puido ser máis igualada ata que na definitiva carreira, Mario saiu cun moi bo golpe pero Oscar, seguro da súa rápida aprendizaxe arriscou a tentar un varado na longa pista cervantega, deixando mudos aos espectadores do pabellón namentras a billarda voaba polo ar ata chegar ao varal rompéndo de emoción todo o pabellón.Con esta espectacular xogada remataba o aberto dos Ancares e o tarro de mel ía para Oscar que axiña se apurou a saudar a Mario como vemos na instantánea. Por último reparto de material para o adestramento persoal de cara a vindeiras competicións e satisfacción entre os participantes e por suposto a organización.