O VARAL

EDITADO POLA LNB [ Liga Nacional de Billarda ] >>>>>> ovaral@hotmail.com

quarta-feira, fevereiro 16, 2011

PAÏSOS CATALÁNS VS GALIZA , O HISTÓRICO CRÓNICO DE SAK QUE ALGÚN DÍA SE ESTUDARÁ NAS ESCOLAS GALAICAS!!


Simultanea á edición en versión reducida no Novas da Galiza lanzamos o agardadísimo crónico de Sak do xa histórico partido Països Catalans-Galiza de Bélit·Billarda do que xa os nosos irmáns de Va de Bélit realizaon un espectacular adianto mais agora . o que toca é que deixes todo o que estas facendo e tomes asento na Barra do Casal de Sants , pide a cervexa da que máis gostes, dálle un golo e mentras saboreas a túa pinta negra, tostada ou roxa preferida....chanta o ollos coa sede dun fuxitivo no deserto para sumerxirte niste máis que transcendental crónico realizado por Sak , que coa Auténtica coma protagonista asenta os pilares da irremediábel difusión internacional e internacionalista do noso deporte e da filosofía de acción e vida da LNB. En cada poro de cada letra escrita emoción e coraxe e sobre todo a sabiduría de estar chantando en terra firme os pilares inmensos dun edicificio infranqueábel -

PAÏSOS CATALÁNS VS GALIZA , O EXPLOSIVO CRÓNICO!!


DÁLLE SAK!!>> Que mellor lugar que a Lavacolla, lugar onde os peregrinos deixaban as impurezas dos lugares máis agochados do seu ser, para partir coa mensaxe billardeira de vida e furia necesaria, no ano do grande Lois Pereiro. Catro palandoras fortemente adestradas polo seleccionador galego, ao estilo do mestre Mutenrohi, saían dun país, para chegar a outro sen pasar polo do medio; cousa á que non estaba disposto o grande A. Curto, que preferiu desgastar os camiños de ferro do Imperio Pequeno. A expedición chega á selva barcelonesa, mais móvese con soltura pois leva a un coñecedor do terreo, e ainda máis cando se produce a ligazón coa sherpa Ariadna que guia até o acubillo en Sants. O dia puxo a prova a galeguidade da expedición e dos hospedadores cun trebón dificil de ver en terras catalás, mesmo se dubidou por momentos da posibilidade do encontro e até da necesidade dunha canoa. Continuou a moverse a expedición por Sants para recibir ao resto de persoeiros e repartilos polos diferentes hoteis que o “Espai Gallec” tiña a disposición da tribu billardeira, e despois dos chuzos, por fin chegou a húmida e calma noite antes do grande dia.


Da dormida de luxo, ao tamén luxoso Casal Independentista de Sants, que recibe aos palanadores e belitistas; o encontro non se fai agardar e a ansiada aperta entre Sak e Juanjo que simboliza o descubrimento mútuo e unha alianza imperecedeira no tempo ten lugar ás portas do casal. Non demorarou un segundo para que comezara o intercambio de ideas, de experiencias e sensacións arredor da maxia dese deporte que se sabe universal. Catro verbas e xa a sintonía é total, unha filosofía e metodoloxía moi concordante e tamén un enriquecemento mútuo de experiencias e historias. No entanto o casal vaise enchendo de galegos desexosos de vestir a camisola da Auténtica, xa sexan galegos emigrados ou galegos de orixe catalá que nos agasallaron cun domínio do galego que xa quixeran para si conselleiros e membros do parlamentiño. Apertas e camaraderia a eito e o descubrimento de que a colonia galega en Catalunya ademáis de numerosa ten unha forza e un contacto coa terra ben fondo. Nestes intres descubrimos conexións que van da Mariña ou as Burgas no caso de Breogán e Lico, ata Alemaña ou a Patagonia, da man de Mariana; o mundo fica pequeno cunha Billarda.

Ängelo, o impecábel organizador das xornadas, membro da LNB-PPCC e responsábel desta unión histórica, da a orde de saltar ao terreo de xogo, ante certa reticencia a xogar no parque chamado, Espanya Industrial. Todo iso ficou esquecido coa imaxe máis brutal que pariu a LNB-International, esa unión fraternal entre billarda e bélit, entre palán e cana; ademáis esa unión non so sería simbólica senón real, pois Quim, o xuiz de campo máis experimentado do estamento arbitral belitista, achou a fórmula perfecta: normas de xogo catalás e ferramenta compartida, unha quenda co palán e billarda e outra coa cana e o bélit. Quim, baixo a atenta mirado do capo da Belit, o grande Juanjo; deu precisas instruccións das normas de xogo do Bélit a todos os palanadores que xa enfudaban a camisola da selección galega. O seu claro catalá de Girona soaba para nós coma ghalegho do Morraso, mais o complexo sistema de xogo precisou de unha quenda de prova para situar algunhas dúbidas. E por fin se preparan as equipas para saltar ao campo de xogo, claro está, tras pasar polo acoso dos centos de flashes das cámaras fotográficas que ateigaban o campo.

Duas equipas de oito xogadores compiten, en dúas quendas, que despois de sortealo, a primeira sería con ferramenta galega e a segunda con belit e cana. En cada quenda, primeiro atacan seis lanzadores, un de cada vez, e defenden os oito da outra; para logo invertir os papeis. A mecánica do xogo é a seguinte: primeiro o lanzador ten tres tentativas para enviar o belit lonxe, logo a equipa que defende, unha vez que o Belit foi lanzado pode eliminar ao lanzador arrebolando o belit desde onde caeu até a base; a segunda parte é tentar lanzar o bélit o mais lonxe posibel, para iso hai tres tiradas, unha vez que se fan as tres tiradas (e se ningún defensor chapou o belit, o que eliminaría automáticamente ao lanzador) procédese á aposta entre capitáns; o capitán dos lanzadores aposta unha distancia que ten que ser menor da real, se o outro capitán cre que está no certo levanse os puntos os lanzadores, se non está de acordo o capitán que ten a razón levará o duplo de puntos para a súa equipa. A mecánica, unha vez xogada é máis simple, e a selección galega non tivo problema algún para adaptarse á normativa, que en liñas xerais é máis diversa que a normativa LNB, mais tamén máis lenta.

Comeza pois o encontro, lanzando a equipa dos Paises Cataláns e chapando a equipa galega por decisión de Sak, o capitán, que escolleu defender como lle tiñan recomendado nas conversas previas. Foi impresionante ver como os cataláns habituados á ferramenta notabelmente máis pequena se afixeron axiña ao palán e á billarda, con potentes golpes que xa nos primeiros compases fixeron pensar que a Auténtica non o tería doado. A alineación galaica estivo formada por Breo, Josemari, Mariana, Lico, Pablo e Ângelo, pola banda de galegos afincados en Catalunya, Anna como galega-catalana e Marta, Lorena e Sak como galegos deslocados de propósito aló. Cada alma unha historia, estrelas neofalantes do cinema, a hóspedes de altísimo nível ou plumas sobranceiras, mais todos tiñan en común o orgullo de ser deportista convocados pola Auténtica Selección Galega. Non nos esquecemos dos seareiros e amigos que nos xuntamos ou atopamos aló, coma ese encontro casual de Sak con un paseante que sen saber nada da data histórica e vendo a curiosa ferramenta catalana berra: “e vós con que carallo andades xogando á billarda?!” ou coma Antón ou Mario que sen vestir a camisola estaban en cada madeirazo da selección. E por suposto, gabábamos da elevada presenza feminina na selección.

Continúa o xogo e van chegando as primeiras apostas entre capitáns, e o bon ollo fai que ninguén dubide das apostas do outro, até que o bon ollo, que nunca fora testado ponse en causa polo capitán dos PPCC, que cauteloso di: “teño dúbidas, pero vou desconfiar para testar as distancias nesta pista”, a aposta galega era de 20 metros (é dicir 50 canas), que en caso de ser superados darían 100 puntos para a auténtica, o público adoecia nas bancadas pois a xogada decantaría o partido para un lugar ou para o outro, as asistencias miden a distancia entre a billarda e a base e rexistran unha distancia 19,95 metros, a reacción galaica entre a sorpresa, a mágoa e a incredulidade pola pericia e mala sorte da aposta; e a equipa e as seareiras catalás parabenizaron o bon ollo galego e respiraron aliviadas. O desafío aumentaba, pero as ganas dos palanadores non tiñan límite; e xa entrando na segunda quenda, fixéronse algúns trocos nos lanzadores para permitir que entre outros, Ângelo se sumara ao momento histórico. Seguiron a machetar liberdade uns e outros, mais salientamos de xeito expecial o grande Josemari que amosou unha pericia sobrenatural nas dúas quendas, sendo o MVP da Auténtica, ainda que a competencia foi moi dura e un dos apañadores cataláns chapou un dos mellores golpexos de toda a xornada, o que fixo ferver as bancadas, ateigadas de amigos e sobre todo de paseantes engaiolados polo espectáculo. Rematou Sak a segunda e derradeira quenda do xogo, entre risos e fraternidade, mais demostrando que Belit e Billarda o mesmo deporte é!

No final, vitoria de Catalunya e un resultado xusto e moi digno para Galiza. A representación da Belit entregou medallas e chapas ao combinado galego, en sinal de amizade e xa se falaba da seguinte cita internacional e das posibilidades futuras de repetir o encontro xa sexa en terras galegas ou cunha Taza Ibérica, co Liriu e a Txirikila. Parte da comitiva do Belit tivo que marchar a Girona xusto despois do encontro, mais outra parte ficou para o xantar galego que o Espai Gallec tiña preparado para os 60 comensais que se xuntaron arredor do pote de caldo. Empada, viño, filloas e un programa trepidante para a tarde, visionado do documentário de Carlos Varela, apoio á manifestación celebrada no barrio, palestras e finalmente foliada. Pero se xa foi imposíbel condensar o acontecido no Galiza-Catalunya, o resto do dia ficará na memoria dos afortunados que o viviron.


Enormes grácies, grazas e obrigados ao Espai Gallec, á Belit, ao Casal de Sants e xa postos, aos Països Cataláns todos! Adiante co varal!! *Imaxes de Quim, Anna, Lico, Ângelo ou Marta